Saltaron as alarmas no Pontevedra Club de Fútbol no momento que o defensa Samu Araújo pediu o cambio. Foi no partido celebrado este domingo diante do CD Móstoles, cando os granates perdían por 1-0 no minuto 57 o lateral botouse ao chan dando sinais ao banco que necesitaba o cambio, entrando no seu lugar Samu Santos.
A preocupación era importante xa que o lateral vigués foi fichado despois de non pasar as probas físicas co CE Sabadell. O club catalán alegaba unha posible lesión no xeonllo que, posteriormente, tanto Anxo Rodríguez como Toni Otero na rolda de prensa desta mesma semana confirmaron que non existía e que pasara as probas médicas granates sen problemas.
Na rolda de prensa post partido o adestrador Anxo Rodríguez confirmou que Samu Araújo ten unhas molestias no abdutor e que o cambio fíxose por precaución. Ao parecer, segundo o míster, o lateral xa sentira as mesmas molestias esta semana nos adestramentos: «volveulle a molestar, non quixemos forzar e el entendeu que non podía seguir».
De todas maneiras, haberá que esperar ás exploracións médicas cando a expedición chegue a Pontevedra para coñecer con exactitude a lesión do xogador.