fbpx

O Pontevedra CF consegue un punto diante dun Compostela que plantou cara (2-2)

| |

Ninguén dixo que esta tempada ía ser fácil. E ninguén dixo que nos iamos a pasear polos campos de todo o grupo. E aínda así, parece que levar o cartel de favorito por calidade individual de persoal está a pesarnos máis do que debería. Hoxe o Pontevedra empatou cun recentemente ascendido, un Compostela que soubo facer moi ben as cousas e, como di o título da crónica, plantou cara ao Pontevedra CF en todas as liñas.

O inicio do partido traíanos un novo cambio no once inicial. Se a semana pasada viamos dúas novas incorporacións, nesta Jesús Ramos decidía volver dar entrada a un recuperado Romay e seguir confiando en Jorge no canto de Oier para a banda dereita. E aínda que todo pintaba ben, o partido non puido empezar peor, xa que no minuto 5, un rexeite dun centro raso que non debía xerar nin perigo chegoulle aos pés de Brais Abelenda que conseguiu marcar e subir o primeiro gol ao electrónico do Vero Boquete.

Con ese gol temperán viña o recordo do partido ante Unionistas, onde nos marcaron primeiro e non puidemos remontar ata case terminado o partido. Afortunadamente, apareceu 5 minutos despois un inspirado Jorge que dun zurdazo bateu a un Pato que non se esperaba ese disparo de calidade no extremo granate.

Coas táboas no marcador o partido púxose moi bonito para os espectadores. Cos dous equipos querendo poñer as súas ideas no terreo de xogo: un Compostela que quería combinar e crear xogadas e un Pontevedra CF tirando do seu xogo directo, cun mediocampo que sempre optaba por ir ás bandas e un Rufo que se ofrecía en calquera xogada. Nunha desas, Romay tirou un pase entre liñas para que o madrileño plantásese nunha posición vantaxosa ante Pato, pero os cables cruzáronselle dalgunha maneira ao dianteiro e tentou un globo errado que lle deu no peito ao porteiro local, a pesar de que os granates pedisen man.

Cando estaba a piques de terminar a primeira parte, veu o golpe psicolóxico. A banda esquerda do Compostela soubo aproveitarse da morneza xeral de Aitor neste partido e sacaron no minuto 44 un centro raso que Primo soubo controlar moi ben dándose a volta e batendo a Mario sen compaixón. Os de Jesús Ramos íanse ao vestiario por detrás no marcador.

O gol psicolóxico non tivo efecto no Pontevedra, que saíu na segunda parte sen cambios e inmediatamente igualou de novo o partido. Fíxoo Imanol, conseguindo nunha falta na frontal un disparo ao puro estilo folla seca que Pato non viu vir. Algún comentarista da TVG dirá que foi fallo do porteiro, pero o efecto e a intención de Imanol fixeron que o lanzamento fóra moi complicado de parar.

A partir do gol granate o partido púxose de fronte para os locais. Ramos tirou de cambios, sacando a un desaparecido Alex González e metendo a Oier, para máis tarde retirar a Charles e meter a Borja, buscando algo máis de control no centro de campo cun 4-2-3-1. Ningún dos dous cambios funcionou. O Compostela soubo impoñer o seu xogo na última media hora do partido e os granates quedaron sen ideas, facendo un xogo directo cara a Rufo do que se conseguía sacar pouco. Tal foi o dominio do Compostela que no minuto 83 Aitor volveu perder as costas e Primo estivo a piques de marcar co seu disparo que se foi ao traveseiro.

O partido terminaría cun Pontevedra que puido conseguir os 3 puntos a balón parado grazas a varios corner seguidos, pero a sorte non estivo ao lado dos visitantes, deixando as táboas no marcador diante de 150 persoas que se foron ás súas casas cun sabor agridoce, sabendo que o seu equipo podía conseguir algo máis ante o, aínda, líder do grupo.

📸 SD Compostela

Anterior

El Pontevedra CF consigue un punto ante un Compostela que plantó cara (2-2)

O partido de Copa do Rei ante o Cartagena será o 17 de decembro ás 20:00 horas

Seguinte

Relacionado

El Pontevedra CF – CD Numancia se jugará el miércoles 19 de marzo

Ya tenemos hora para el partido suspendido entre el Pontevedra Club de Fútbol y el CD Numancia. El Juez Único de Competiciones No Profesionales ha ... Read more

El Pontevedra CF ficha al delantero Miguel Cuesta del Marino de Luanco

Sorpresa en las filas granates. Cuando todos los ojos estaban puestos en otro tipo de jugadores, el Pontevedra CF ha pescado en el propio grupo ... Read more

Deja un comentario