«Non hai mellor defensa que un bo ataque». Así reza unha das frases máis famosas de óbraa ‘A arte da guerra’ de Sun Tzu e é quizais unha frase que perfectamente se pode aplicar ao persoal do Pontevedra Club de Fútbol desta tempada. Cos Brais, Charles, Rufo e compañía é difícil dicir que necesitamos unha defensa robusta porque sempre imos ter goles, pero a experiencia da tempada pasada e o mundo do fútbol ensinounos que sempre é necesario ter seguridade atrás, por moi ben que se nos dea a parte dianteira.
Por iso a ausencia de Churre por sanción debido á expulsión #ante a UP Langreo é algo que debe importarlle ao Pontevedra CF e a Anxo Rodríguez en particular. Non digo preocuparlle, pero si importarlle xa que debe tomar a decisión adecuada para enfrontarnos este domingo contra a UC Ceares. E é que ademais de perderse o partido en Pasarón, é máis que probable que en poucas xornadas volvamos ter a súa ausencia, xa que o central debido á expulsión segue apercibido e estará sancionado de novo por acumulación de amarelas máis pronto que tarde.
Que decisión tomará o adestrador? Sen escoitar a súa rolda de prensa previa e sabendo o insistente que é con non cambiar demasiado o que funciona (algúns o poderían chamar tozudo), o cambio máis lóxico para substituír ao segundo capitán sería a entrada de Samu Santos. O xogador de Redondela xa entrou cando a expulsión en Langreo e podemos dicir que é un dos recambios máis naturais no centro da defensa xunto a Pacheco. Certo é que este último podería tamén entrar polo capitán, pero Santos parece gañarse máis a confianza do míster que o ex xogador do filial.
Podería haber un cambio de esquema? Deixar 3 atrás sorprendería a moitos, xa que só puidemos ver este cambio tan radical nas ideas de Anxo o segundo tempo contra o Arenteiro, cando Pacheco entrou para refrescar a defensa e deixar máis percorrido ao equipo ao xogar cuns carrileros como *Álex e Oier. Tamén podería optar por 2 xogadores como Román e Javi Rey para xogar por diante da defensa, pero é algo que non vimos ata o de agora e, tal e como está a render o de Gondomar, parece pouco probable que o adestrador queira cortarlle a mobilidade poñéndolle un xogador de perfil similar ao seu lado.
Todas estas cuestións resolverémolas este domingo, en Pasarón, onde o Pontevedra CF enfrontarase á UC Ceares buscando conseguir os tres puntos e continuar mantendo a súa posición vantaxosa e meterlle presión ao primeiro clasificado, o Unión Adarve.