84 días despois o Pontevedra CF volveu gañar en liga. E fíxoo precisamente diante do mesmo rival que gañara o 22 de novembro de 2020, o Salamanca CF UDS, un equipo que viña dunha dinámica positiva pero que non puido coa estratexia posta por Luisito no campo. E si, dixen estratexia. Se nas últimas semanas con Jesús Ramos sempre se nos repetía que había un problema na cabeza dos xogadores, agora confirmamos o que moitos xa diciamos: ao equipo faltáballe traballo no campo, non só nas súas cabezas.
Con pouco máis de catro xornadas de adestramento Luisito foi capaz de conseguir que o persoal saiba adaptarse a varios esquemas tácticos con tan só un par de cambios. O curto fondo de armario que diciamos co anterior adestrador non é desculpa para o de Teo, e iso vímolo hoxe no partido contra o Salamanca, cando cambiou o esquema antes do descanso nos momentos de defensa debido a que os locais levaban sempre os balóns divididos. Tamén vimos numerosos movementos diferentes dos xogadores, desde tiros de liña que non sabiamos que o equipo podía facer ata balances defensivos ben executados. Tan só ver como Rufo non tiña que baixar todo o tempo para recibir o balón de costas, xa mereceu a pena o cambio no banco.
Como comentei na anterior columna esta era a última bala para seguir con opcións. Disparamos e demos na diana, pero fixémolo contra os dous equipos que estaban a mostrar menos nivel da categoría, sendo incapaces de gañar #ante un, o Guijuelo, que só foi capaz de gañar un partido en toda a tempada. O domingo vén a SD Compostela a Pasarón e vai ser o noso punto de inflexión. Se gañamos, podemos seguir ilusionados con chegar aos postos nobres. Se non o facemos, teremos que pensar noutros obxectivos, como o de conseguir os máximos puntos posibles para a seguinte rolda da tempada.

Manu Quiroga é un dos responsables detrás PontevedraCF.Net. Compaxina o seu traballo como Consultor e Desarrollador TIC coa súa paixón polo Pontevedra Club de Fútbol. Fiel a fondo Norte, gustaríalle saír menos enfadado de Pasarón cando o Pontevedra perde, pero é algo que non pode remediar.