Empate a un tanto en Pasarón entre Pontevedra e Deportivo nun partido de moi poucas ocasións no que os deportivistas se adiantaron grazas un gol de Rolan que atopou unha rápida resposta de Rufo aos cinco minutos. Partido de moi poucas ocasións no que a mellor noticia foi a presenza de 500 afeccionados no campo, dando un gran ambiente nun Pasarón no que se volveron a escoitar cánticos e bombos. Charles, do mesmo xeito que no partido de pretemporada contra o Dépor, foi expulsado e non xogará o domingo que vén ante o Coruxo.
A primeira sorpresa do partido xurdiu xa no once. Jesús Ramos sorprendeu a propios e a estraños dando a alternativa no equipo desde o inicio a un Santi Figueroa ata entón inédito en detrimento de Aitor Núñez, sinalado nun dos tantos do empate de hai unha semana en San Lázaro. Por parte do conxunto herculino non houbo sorpresa, Fernando Vázquez non quixo romper o seu particular estilo defensivo en Pasarón e aliñou unha liña de tres centrais coa que tratar de manter baixo control á parella Rufo-Charles.
A primeira parte tivo unha historia moi curta. As dúas defensas impuxéronse nuns 45 minutos nos que o Deportivo era o que manexaba a posesión, pero non tiña ningunha idea á hora de saber que facer con ela. Xisco e Churre mostráronse imperiais mantendo protexida a portería local #ante as tímidas acometidas dun bloque coruñés que o tentaba máis por inercia que por fútbol.
O Pontevedra atacaba menos, pero cando o facía, era con maior intención. O primeiro tiro a porta e practicamente único do primeiro acto para calquera dos dous equipos tívoo Jorge Fernández aos tres minutos. Como é costume no equipo adestrador por Jesús Ramos, o Pontevedra buscaba causar perigo polas bandas.
A oportunidade máis destacada de toda a primeira parte chegou en forma de gol anulado para os granates. O Pontevedra sacou petróleo na única ocasión na que Bóveda se atreveu a saír da cova e deixar espazo ás súas costas. Os lerezanos aproveitaron ese flanco esquerdo para poñer un centro no que Álex González atopou a Rufo e o nove granate asistiu desde dentro da área para que Charles batese a Carlos Abad, pero o tanto foi anulado por un axustado fóra de xogo.
Pouco máis a partir de aí. Aínda que a intensidade non se rebaixou un chisco durante os minutos restantes ata o descanso, as ocasións brillaron pola súa ausencia mentres o Deportivo íase frustrando aos poucos, empezando a perder a paciencia e desfacéndose en protestas aos colexiados.
O Pontevedra saíu mellor dos vestiarios, tratando de dominar e de xerar máis fútbol no campo rival. O dominio, con todo, non se conseguía materializar en ocasións e Carlos Abad vivía nunha tranquilidade relativa aínda cando Ramos introduciu a homes como Oier e Cruz para dar aire ao equipo. Así as cousas, e pese ao dominio local, foi o Deportivo o que logrou levar o gato á auga. No primeiro e case único disparo entre paus dos coruñeses en todo o partido, Rolán conseguiu golpear a pelota desde o pico da área para sorprender a Mario, a quen lle despistou que a pelota golpease nun defensa granate.
Pero se algo aprendemos no partido de hai unha semana en Santiago, é que o Pontevedra nunca se rende e aos goles rivais dáselles rápida resposta. Menos de cinco minutos despois do 0-1, Rufo fixo o empate ao culminar a gol un centro raso desde banda dereita no que a defensa deportivista deixoulle completamente só para rematar desde dentro da área.
O partido aínda daría un novo xiro de guión a falta de dez minutos do descanso. Nun medio boureo tras unha falta sobre Rufo, o colexiado quixo apuntarse a súa dose de protagonismo no encontro castigando a Charles e a Lara cunha vermella directa bastante absurda. Mal o colexiado pola súa falta de man esquerda. Peor os futbolistas por pecar de pardillos ao protestar e encerellarse nunha xogada sen transcendencia.
No dez contra dez o partido tranquilizouse. Os dous equipos pareceron non querer perder en dez minutos o que gañaran en 80 e mostráronse ordenados atrás en busca dalgunha ocasión que lles dese os tres puntos. Púidoo facer o Deportivo á contra, pero os de Fernando Vázquez volveron demostrar que están moi espesos de medio campo para adiante e o encontro quedou nunhas merecidas táboas.
Alex Davila é Graduado en Comunicación Audiovisual e Máster en Periodismo deportivo. Escribe e analiza habitualmente na prensa deportiva local e é membro de Fondo Norte, o podcast do Pontevedra CF