Sorpresa no mercado de inverno nas Oficinas de Pasarón. Cando nos últimos días do ano non se esperaba que houbese grandes movementos no persoal, a sorpresa saltou cun xogador que, se preguntas á maioría dos afeccionados, ninguén pensaría que fose o escollido para saír neste novo período de fichaxes: Mario Ortiz abandona o Pontevedra CF para ser novo xogador do Alxeciras CF.
O mediocentro cambia o granate polo albivermello despois de xogar 14 partidos coa elástica pontevedresa, sendo titular en 3 partidos e acumulando 447 minutos. O santanderino veu no verán co título de ser un reforzo suplente no mediocentro granate e así foi o seu papel durante esta metade de tempada.
Coa saída de Ortiz, ábrese a opción de poder fichar a un xogador senior no seu lugar. A lóxica di que esta ficha será case seguro para Derik Osede, xa que o xogador seguiu adestrado co equipo a pesar do seu descarte a comezo de tempada, polo que o Pontevedra CF incorporaría a un xogador xa adaptado á dinámica do equipo e que pode xogar en posicións similares ás de Mario Ortiz.