Soaron as alarmas en Pasarón o pasado domingo ao ver os xestos de dor de Samu Araújo cando estaba a asinar un dos seus mellores partidos como granate. A dor que sufriu o lateral na coxa traduciuse nunha rotura fibrilar no músculo posterior da perna esquerda, o que lle terá apartado dos terreos de xogo polo menos, un par de semanas.
A noticia da lesión de Samu Araújo chegou na rolda de prensa de Antonio Fernández no día de onte, xa que o Pontevedra CF SAD aínda non fixo público ningún informe médico de devandita lesión, polo que non é posible coñecer con exactitude a gravidade da lesión nin a valoración dos servizos médicos do club granate.
Á baixa de Samu Araújo úneselle tamén Borja Domínguez, que sufriu un golpe durante os adestramentos e ten, segundo o técnico, unha doenza muscular na perna esquerda que lle impediu adestrar na última semana de maneira normal co grupo.
A ausencia de Araújo obrigará ao Pontevedra a realizar unha reconfiguración do seu once inicial. Se nos fixamos nos últimos partidos o máis probable é que Álex González volva xogar de Araújo no lateral esquerdo atrasando a súa posición e permitindo a entrada de Rubio ou Bakero no extremo, pero tamén existe a remota posibilidade de ver debutar a Luís Martínez, xa que no seu pasado futbolístico víuselle xogar nesa posición.
Foto: Diario de Pontevedra