Acumúlanse as malas noticias no mediocampo do Pontevedra Club de Fútbol. Se xa a lesión de Romay fora un gran contratempo para Jesús Ramos debido a córtao que é o persoal, a retirada de Adrián Cruz durante o partido diante do Coruxo FC podería significar estar sen o xogador entre 5 e 8 semanas.
Segundo comunicou o club, Adrián Cruz ten unha lesión nos abdutores. Pola natureza da lesión, o diagnóstico definitivo debe facerse entre 12 e 24 horas despois do momento da lesión, momento no que se pode valorar o afectada que estea a articulación. Aínda así, as noticias non son nada boas xa que a media de recuperación deste tipo de lesións adoita oscilar entre 5 e 8 semanas.
Sexa cal for o diagnóstico final, o mediocampo granate terá un home menos a comezos de 2021, polo que, se non estaba claro xa, vai ser máis que necesario sondar a finais de mes o mercado de inverno para poder reforzar esa posición, entre outras, que permita que Jesús Ramos teña efectivos suficientes ás súas ordes.