Chegou o día no que a primeira tempada do Pontevedra CF en 1ª RFEF comeza a dar os seus primeiros pasos. Hoxe 20 de xuño todos os grupos que conforman a Primeira RFEF votarán a composición dos dous grupos que o forman, como así anunciou a RFEF na súa páxina web. Farano de maneira telemática e votando as dúas opcións que propuxo a propia federación aos integrantes.


Na Opción 1, o Pontevedra CF estaría emprazado cos equipos de Castela e León, País Vasco, A Rioxa, Navarra, Estremadura e a metade dos equipos madrileños (Raio Majadahonda, San Sebastián de los Reyes e DUX Inter de Madrid). Na segunda, os granates terían que facer moitos máis quilómetros: perderían ao Numancia dos castelán leoneses pero uniríanselle os equipos de Andalucía, todos os madrileños e o Melilla.
A votación será hoxe ás 18:00 horas, polo que a última hora da tarde saberemos a que equipos enfrontarase o Pontevedra CF a próxima tempada.