Cando Charles Días de Oliveira chegou á cidade de Pontevedra con 19 anos, seguro que en ningún momento pasóuselle pola cabeza que ía converterse nun dos xogadores históricos do Pontevedra Club de Fútbol. Procedente do Feirense portugués, Charles chegou como un descoñecido para a afección granate e hoxe, 17 anos despois entrou na historia goleadora do Pontevedra Club de Fútbol.
Co gol anotado diante do Real Avilés Industrial, o dianteiro conta no seu haber con 71 goles como granate, o que lle coloca no podio dos 3 xogadores que máis goles anotaron coa elástica pontevedresa. Ao seu lado están Javi Rodríguez tamén con 71 dianas, Neme con 72 e o incombustible Pablo Couto, que ten 83 goles na súa marca persoal.
Con Charles como goleador o Pontevedra gaña o 66% dos seus partidos, perdendo unicamente o 14% deles. E, salvo un desastroso partido en Lanzarote en 2005, sempre que Charles marcou máis de 1 gol nun partido o Pontevedra puntuou, algo que demostra a importancia que sempre tiveron os goles do brasileiro para o equipo. Vestindo de granate, Charles conseguiu dous hattricks: un contra o Alcorcón na tempada 2005/2006 en Segunda B que se gañou 3-1 e o segundo, contra o CD Lugo tamén na categoría de bronce na tempada 2009/2010, o cal se gañou por 2-4.
En cuestións de estatísticas, Charles marca 1 gol cada 2.7 partidos, un dato lixeiramente mellor que o de Pablo Couto, que cos seus 83 goles marcaba un cada 2.8. Contando que Charles na súa primeira etapa como granate non xogaba de dianteiro nato, é posible que o de Belém acabe disputando o primeiro posto ao capitán pontevedrés.
Foto: Capotillo, La Voz de Galicia