Cando no 2005 comezamos co foro de PontevedraCF.Net, nunca imaxinabamos que 15 anos despois iamos estar aquí, en 2020 en pleno dunha pandemia e coa maioría do fútbol non profesional pausado. Son tempos estraños, pero o certo é que ao longo que o proxecto PontevedraCF.Net foi crecendo, sempre estivo na mente crear unha web que servise a todos os afeccionados granates como información sobre o Pontevedra Club de Fútbol, esa entidade que todos levamos nos nosos corazóns e que comunica máis ben pouco.
Por que agora e non antes? Hai moitas razóns, pero a principal é o tempo, o cal non é infinito. Este sempre foi un proxecto persoal e por amor á arte, polo que nunca puidemos investir nel o tempo que nos gustaría. Nos últimos tempos centrámonos en facer crecer as redes sociais, tanto o noso Twitter do Pontevedra CF como a nosa páxina de Facebook, e tamén lanzamos novos proxectos como o Instagram de PontevedraCF.Net e, a nena dos nosos ollos, o podcast Fondo Norte, onde falamos cada quince días (cando hai fútbol) sobre a actualidade granate
Que vai ser PontevedraCF.Net? Pois un brazo máis da comunidade á que pertencemos todos. Imos ir aos poucos, porque nos gusta ir amodo e con boa letra. Durante estes primeiros meses estaremos en probas e vendo como vai funcionando todo, pero temos plans e ideas que cremos que poden achegar moito á presenza do Pontevedra Club de Fútbol na internet
Este sitio está aberto a calquera granate, polo que se crees que podes achegar algo, estaremos encantados de escoitar as túas propostas. Tan só tes que contactar connosco a través do noso formulario de contacto