A tempada 2020/21 vai comezando a definirse pouco a pouco. A Comisión de presidentes de federacións autonómicas propuxo finalmente a composición do que será a Segunda B nesta nova tempada, polo que o Pontevedra CF xa coñece aos seus rivais, todo caras coñecidas para os siareiros granates.
Por mor da pandemia esta tempada é completamente distinta ás demais. Para comezar, dentro de cada grupo existen subgrupos, onde se atopan os equipos que se enfrontarán entre eles na primeira fase da liga regular. O Pontevedra CF está ubicado no Subgrupo A do Grupo I cos seguintes equipos: RC Deportivo, Coruxo, Celta B, Racing de Ferrol, Compostela, Zamora, Guijuelo, Unionistas e Salamanca CF UDS.
Á espera da normativa para ascensos e descensos
Segundo as últimas informacións, este subgrupo serviría para definir os ascensos a Segunda División e a futura Segunda Pro e tamén os descensos a Tercera División. Aínda que non hai nada confirmado, no grupo do Pontevedra os tres primeiros clasificados serían os que terían a opción de subir a Segunda División mediante un play off, ascendendo, de non gañar o play off, á Segunda B Pro. Os candidatos ao descenso sería os últimos tres clasificados, polo que é claro que a liga regular será moi intensa e sen posibilidade de erros.