O Pontevedra perde na lotería dos penaltis ante un Cádiz descafeinado (0-0)

| | Análises, Partidos Pontevedra CF

Que bonita é esta nova Copa do Rei, e o que o negue é que non lle gusta o fútbol e só quere ver gañar aos equipos grandes. O Pontevedra plantoulle cara ao Cádiz nesta segunda eliminatoria da Copa e puido levar o partido, pero ao final decidiu a lotería dos penaltis no último lanzamento, quedando 4-5 ante todo unha Primeira División.

Como comentara Cervera na previa, o equipo gaditano viña cos xogadores menos habituais a tentar pasar de eliminatoria. E aínda que eran os xogadores menos habituais, viñeron competir e a levar a eliminatoria, xa que a ningún equipo de Primeira gustaríalle verse apeado da Copa diante dun Segunda B. E así o fixeron… ou polo menos tentárono, porque a pesar de que na primeira parte tiveron un par de ocasións claras para adiantarse no marcador, toda a pólvora quedou nun paradón de Álvaro Cortés e un pau que cuspiu o balón para saque de porta.

E é que aínda que a eliminatoria única dá emoción, os dous equipos xogáronse de ti a ti, respectándose e non deixando máis metros dos debidos para que o outro tivese oportunidades. Na primeira parte o Pontevedra só aguantou vendo o que facía o Cádiz, pero na segunda os de Jesús Ramos tentaron máis, xogando mellor que os do Sur. Destacar os minutos que xogou Martín Diz, tendo unha mobilidade moi alta e moitas intencións, o malo é que nos metros finais o dianteiro nunca puido completar as xogadas que tentaba facer.

O minuto 50 chegou cun cambio triplo que algúns poden non entender do todo. Ramos sacou a Martín Diz, Óscar e Jorge e deu entrada a Xisco, Oier e Rufo. Un cambio que igual buscaba dar minutos aos que van xogar o domingo e que nos trouxo a curiosa estampa de ver a Xisco actuando de mediocentro no canto de en a defensa, onde Pol e Churre fixeron un papel máis que notable.

Os minutos pasaban e o Cádiz estaba completamente desaparecido, coma se non tivese ganas de xogar o balón. Todo o contrario o Pontevedra que, dentro das súas capacidades, tentaba xogar sempre no campo do Cádiz e provocar ocasións que lle desen ese gol que necesitaba o partido. As intencións quedaron niso xa que salvo un par de tiros desde fóra da área, o Pontevedra non xerou ningunha ocasión de perigo á portería cadista.

E chegou a prórroga, ese tempo extra que se non houbo goles non adoita ser moi emocionante, pero para os locais si que o foi xa que o Cádiz limitouse a esperar aos granates e con iso chegaron as ocasións para os de Jesús Ramos. Vimos máis centros con intención no tempo engadido que en todo o partido, sobre todo da man de Álex González que fixo un partido sobresaliente. Imanol tivo a vitoria nas súas botas cun remate á media volta que puido ser o partido, pero David Gil estivo atento como porteiro de balonmán e despexouna a corner.

Co final da prórroga e o empate a 0 chegou a quenda de penaltis. O momento máis inxusto que ten o fútbol e que caeu da man do equipo visitante. Despois de meter 4 lanzamentos, Churre lanzou o último antes de chegar á morte súbita e David Gil adiviñoulle o tiro. Nada se lle pode obxectar ao central. Para fallar penaltis hai que tiralos e non hai máis que dicir.

Os granates poden irse coa cabeza moi alta despois de competir de ti a ti #ante un Cádiz que lle pesaron os quilómetros que traía encima. Agora só queda descansar e recargar pilas para o domingo, que nos espera unha vitoria ante o Guijuelo.

Anterior

O Cádiz visita Pontevedra cargado de quilómetros

Suspendido o Pontevedra – Guijuelo por mor do temporal

Seguinnte

Deixa un comentario

Exit mobile version