O Pontevedra gaña ao Celta B convencendo (2-1)

| | Partidos Pontevedra CF, Partidos Pontevedra CF

No fútbol a memoria é moi bipolar, xa podes facer un moi bo partido que se acabas sufrindo ao final, quédache un sabor na boca que a ninguén lle gusta. E iso é o que ocorreu este domingo en Pasarón: a pesar de facer un bo partido o Pontevedra deixou un sabor agridoce na súa vitoria diante dun Celta B ao que lle falta algo de rodaxe.

O once inicial escollido por Jesús Ramos foi o mesmo que en xornadas salvo por un cambio: Adrián Cruz aparecía titular no centro do campo no canto de Romay. E é que a pesar de que o de Bergantiños foi protagonista en varias xogadas clave das anteriores xornadas, o mediocentro granate botaba de menos algo máis de control e conexión entre liñas. E nesa procura de conexión entre liñas é onde entrou Cruz, que acabou facendo un bo partido como o resto do persoal granate.

Se hai que resumir a primeira parte nunha palabra, esa é dominio. O Pontevedra tiña moi claro que tiña que presionar moi arriba aos celestes e así o fixo durante os primeiros minutos, correndo detrás do balón e sen deixar pensar aos visitantes cando recibían. Esta presión traduciuse nun dominio absoluto durante os primeiros minutos de partido, conseguindo realizar xogadas e crear perigo e levándose os granates eses segundos balóns que tanto nos faltaron #ante Unionistas. Se o xogo do Pontevedra estaba a ser bo, as decisións do linier foron todo o contrario, xa que pitou un par de foses de xogo a Charles que se vía varios metros que non eran. Afortunadamente, o linier asturiano non tivo máis protagonismo no resto do partido.

O xogo e a intensidade estaban, polo que só faltaba que chegasen as ocasións. Pese ao dominio do Pontevedra o partido puido poñerse de cor celeste ao atoparse Solís só diante de Mario, o cal parou en dúas ocasións os intentos de dianteiro de subir o primeiro ao marcador. Se estaba ou non o dianteiro celeste en fóra de xogo deixámolo para outro día. En canto a ocasións, esa foi a única que tivo o Celta na primeira parte, xa que logo chegaron varias granates: un cabezazo de Oier ben colocado fixo estirar ao meta vigués, Charles tamén tivo a súa e tamén outro testarazo de Rufo tivo perigo.

E tanto vai o cántaro á fonte que nun contragolpe deses que se din de libro dirixido por Oier deixoulle o balón a Álex que decidiu tirar da súa calidade e sacar un tiro imparable que fixo subir o primeiro ao marcador no minuto 40, deixando a primeira parte por case finalizada.

Din que un gol no minuto 40 é unha das mellores noticias, pero se comezas do descanso e volves marcar é das mellores noticias que podes ter. E así foi, nun córner botado desde a dereita por Adrián Cruz o rexeite caeu a Zabaleta que, cun zurdazo imparable fixo que Sequeira quedase mirando o balón nas mallas e subise o segundo ao marcador.

Este segundo gol deu tranquilidade ao Pontevedra, que nos seguinte minutos dedicouse a que o filial celtista tentase xogar para saír ao contragolpe. Foi aí cando desde o banco celtista comezáronse a sacar dianteiros para tentar unha remontada. Este novo número na parte dianteira fixo que o partido se convertese nun ir e vir dos dous equipos. Nunha desas idas do Celta, Bruninho realizou un centro chute que colleu despistado a Mario, conseguindo desta maneira o 2-1 que fixo traer os nervios ao marcador.

A partir de aí todo foi corazón por parte do Celta B, tentando conseguir o empate a calquera custo. E tívoa ata o último minuto, onde houbo un último corner que Churre tivo que sacar xogándose o físico.

Pero ás veces o fútbol é xusto, o árbitro pitou o final e o equipo que xogou mellor durante a maior parte dos partidos levou os 3 puntos. Con esta vitoria o Pontevedra CF ponse líder con 7 puntos, imbatido esta tempada e preparado para recibir a semana que vén ao segundo clasificado, o Zamora CF

Pablo Cacheda

Anterior

Vota polo mellor xogador do Pontevedra CF 2 – 1 Celta B

Romay será baixa ante o Zamora por un problema muscular

Seguinnte

Deixa un comentario

Exit mobile version