fbpx

Volvemos ilusionar

| | ,

“Ola, son o Señor Lobo, soluciono problemas”. Así se presentaba en Pulp Fiction o personaxe representado polo actor Harvey Keitel. A súa misión era a de sacar dun gran problema en forma de cadáver no seu coche aos protagonistas da película. O noso Señor non é un lobo, pero si parece que veu a “dar luz” a eses problemas para que o Pontevedra non sexa un cadáver.

E con pouco que lle deas á afección do Pontevedra xa lles chega para encherse o peito. Por que si, raparigos, agora volvémonos a ilusionar. Quen mo ía a dicir a min, ancorado na negativismo de dar a este equipo por descendido hai un mes e agora tragándome as miñas palabras por dúas vitorias seguidas nas que, esta vez si, as boas sensacións son máis que iso. Ségueme parecendo moi difícil o reto que o Pontevedra ten por diante pero, por primeira vez desde finais de xaneiro, xa non parece imposible.

En todo caso, e regreso de novo a Harvey Keitel e ao seu Sr. Lobo: “Tranquilícense cabaleiros, non empecemos a chuparnos as pollas aínda”. Queda moito por facer.

Ben en ataque, peor en defensa

Nunha liña continuistas e seguindo a máxima de non tocar o que xa sabemos que funciona, Señor decidiu hoxe non alterar demasiado o que xa lle funcionou hai unha semana. Nun estilo diametralmente oposto ao de Antonio Fernández, puido permitirse o luxo de repetir once. As baixas e o estado físico dos futbolistas tamén axudou a este propósito.

Con todo o partido non foi moi parecido ao de hai unha semana. A versión defensiva dos granates na temperá tarde de hoxe non foi tan rochosa como fai sete días. Contaxiados por un rival que atrás tamén daba síntomas de ser un flan, hoxe o equipo sufriu cos balóns ás costas e a solvencia dos centrais non foi a mesma. O gol do rival para o 1-1, a xogada do gol anulado (os astros da arbitraxe tambien aliñáronse nesta boa serie) e o penaltito de Soto na segunda forman parte do debe pontevedrés nunha tarde para celebrar.

E se podemos celebrar é porque hoxe si que o ataque funcionou. Os primeiros 45 minutos foron do mellor do ano con balón e iso materializouse en tres goles de moito nivel. Xenial resolución á media volta de Charles para o primeiro, lousa de libro (Aleluia!) para o segundo e boa cabalgada por banda de *Álex para anotar o seu primeiro, e merecido, gol da tempada.

Reaprendendo conceptos

Quen lle ía a dicir a estas alturas da tempada, ao equipo menos goleador da liga, que para gañar partidos había que tirar a porta. Ata oito veces conseguiu finalizar xogada o Pontevedra neste partido no que cinco desas oportunidades foron en boa dirección. Ata Bakero case se vai para casa co seu gol nunha boa acción na que fixo todo ben menos a definición.

Señor chegou para simplificar conceptos e facer máis fácil o difícil. No fútbol é básico tirar a portería para poder gañar partidos. Para min esta é a gran diferenza entre o Pontevedra actual e o dos anteriores partidos, que agora parece que hai máis intención de probar se o equipo rival ten un porteiro con brazos. Os dianteiros xogan preto da área do rival e para marcar e non preto do mediocentro adversario para destruír.

Da segunda parte mellor non imos falar que hoxe toca celebrar. Faltou o balón que si se tivo no primeiro acto, por demérito do rival segundo dixo o seu propio adestrador. “Non fomos un rival digno como para valorar se o Pontevedra está preparado ou non para salvar a categoría”, apuntaba en rolda de prensa.

De tapados

Nunha semana moi atípica o Guèye Gate parece que axudou máis que prexudicado. E é que moitos eramos os que pensabamos que o senegalés, ao que se lle dedicou cántico en contra desde algún sector da bancada, estaba a facer sombra ao equipo nunha semana importante pola salvación.

Hoxe creo que toda esa cortina de fume puido ser máis positiva que negativa. Nese sacudir a presión e afrontar cada partido como o primeiro que se marcou o persoal, que non se falase moito do importante que era gañar hoxe axudou a facer un traballo de tapado e que o persoal se lograse illar dunha presión que sempre vai da man do Pontevedra Cf.

Creamos entre todos

Juan Señor cre que o milagre é cada vez menos milagre e o persoal subiuse nesa luz de positivismo para traballar nesa dirección e crer de verdade no seu traballo e no “bos que son”. Imaxínome agora na súa casa a Toni Otero asentindo cun sorriso e dicíndose para si mesmo aquilo de “xa cho dixen”. Iso se é que está a ver os partidos e non lle fai baleiro ao seu ex como dixo na entrevista en Radio Pontevedra de hai uns días.

Agora só falta que entre todos creamos que iso é posible. A asistencia a Pasarón hoxe foi aínda máis pobre que a do encontro #ante o Alxeciras. Certo é que a hora non era a mellor, pero tamén é verdade que a posibilidade de ver o partido tranquilamente desde casa pola TVG hoxe non servía como escusa. As 1500 persoas dadas por oficiais desde o club, aínda con promoción de invitacións e entradas a metade de prezo, son moi poucas.

Non creo que isto sexa xa unha cuestión de promocións e de club, é unha cuestión de crer ou non crer se se pode facer. A xente de Talavera e Ceuta fixérono en situacións máis difíciles e agora tócanos a nós. Nunca é tarde para subirse ao carro e ten máis mérito ás malas de hoxe que ás festas de hai un ano a estas alturas da tempada.

Anterior

Señor: “O único que nos vale é a vitoria”

Vota polos mellores contra o Linares Deportivo (3-1)

Seguinte

Deixa un comentario