Ángel Rodríguez xa escolleu convocatoria para unha das saídas máis complicadas da tempada. Os xogadores granates sairán hoxe ás 15:00 horas para terras asturianas con varias novidades na lista. A primeira é a convocatoria de Valentín Jaichenco. O xogador que causou furor entre os afeccionados granates na pretemporada podería ter minutos en Avilés, tal e como os tivo no último partido contra o Navalcarnero.
Da mesma maneira, na lista aparece tamén Romay. O mediapunta foi dúbida ata o día de onte por unha sobrecarga tal e como apuntou o adestrador na rolda de prensa previa ao partido. Recuperado, será un dos 18 que poderían saltar ao campo no Román Suárez Porta. Entre as ausencias, está a xa coñecida de Rufo que aínda non ten a alta médica e Samu Santos, que tampouco viaxará co equipo a pesar de estar convocado na maioría dos partidos desta tempada. Tampouco viaxarán Santi Figueroa, Pablo López e Iñaki.
A lista completa de convocados é: Álvaro Cortés, Samuel Araújo, Churre, Miguel Román, Javi Rey, Álex González, Brais Abelenda, Romay, Oier, Pablo Cacharrón, Alberto Rubio, Martín Diz, David Soto, Charles, Yelko Pino, Seoane, Pacheco e Valentín Jaichenco.