Cinco preguntas sen resposta sobre o Celta B 1-1 Pontevedra CF

| |

Onte o Pontevedra empatou a uns diante do Celta B. Un empate que doe especialmente porque ocorreu nos últimos momentos do partido, momento no que criamos que deixabamos a mala serie atrás e comezábase a ver a luz ao final do túnel. Non foi así. Con este empate acumulamos seis partidos sen gañar, que se di pronto, e non parece que vaia a ver sinos de que isto cambie (oxalá nos equivoquemos). Moi atrás queda aquel insulso partido en Pasarón contra o Salamanca CF UDS que gañamos 2-0 grazas a unha expulsión no equipo visitante e aos goles de Rufo e Charles.

Parece que con este empate Jesús Ramos segue tendo crédito e continuará aos mandos do plantel granate unha semana máis. Pero o certo é que este partido, como outros, volve facer preguntarnos moitas cousas sobre como se está xogando e as decisións que se toman antes e durante o partido. Aínda que son moitas, demasiadas, hoxe traémosvos cinco preguntas sen resposta sobre o partido de onte contra o Celta B:

1. Por que o cambio de actitude no segundo tempo?

A primeira parte deixou a un Pontevedra intenso, que presionaba arriba e sacaba esa garra que tanto botamos de menos nos últimos partidos. Se o partido fose o símbolo do ying e o yang, a segunda parte foi a parte negra… pero sen ningunha luz que o complementase. Optouse por xogar “ao amarrategui”, sen intensidade e deixando ao Celta B pensar e mellorar cos seus cinco cambios. Foi unha orde desde o banco? Ou quizais o físico ou a ansiedade por gañar?

2. Por que se cambia a Charles?

Sabemos que Jesús Ramos non se caracteriza por innovar nos cambios e que normalmente fai cada partido os mesmos ou moi similares, pero o cambio de Charles non se entende. É certo que tiña unha amarela, pero un xogador da talla de Charles dáche un salto de calidade na parte alta do campo do que non se pode prescindir gañando unicamente 1-0. E máis como estaba a xogar o equipo nese momento, necesitando un xogador con galóns que espertase aos 11 que estaban no campo e deixasen a parsimonia atrás.

3. Cal é a razón de non facer cambios tácticos?

O Celta B fixo cinco cambios durante a segunda parte. Nós só 3. Calquera que entendese un pouco de fútbol podía ver que os celestes estaban a acumular xente no medio do campo e arriba para conseguir o que, no último minuto, conseguiron. Desde o banco granate optouse unicamente por sacar xogadores de refresco, de facer cambios home por home e nada máis. Por que non se optou por facer cambios tácticos? Tan pouco confíase, por exemplo, en Pacheco para dar máis solidez defensiva?

4. Que lle ocorre aos nosos centrais?

A comezo de tempada vangloriabámonos da calidade dos nosos centrais, Churre e Xisco. Diciamos que eran un muro e que ninguén pasaba por eles. Nos últimos partidos estamos a ver como esa intensidade que parecía que tiñan desapareceu e moitas ocasións, incluído o gol do empate, veñen por aí. Custa crer que dous xogadores tan experimentados como Xisco e Churre (Imanol no partido de onte) baixasen tanto o nivel. É que seica non se adestran ben os balances defensivos? Onde está o mediocentro cando hai que defender? Por que sempre sacan eles o balón xogando no canto de facerse desde o mediocampo?

5. Somos “la mejor plantilla de Segunda B”?

Esta semana a presidenta dixo a frase, literal, que se confeccionou “la mejor plantilla de Segunda B”. Como pode dicirse iso vendo que desde o banco non hai solucións nin tácticas nin en forma de recambios? Non se pode poñer como escusa as lesións de Adrián Cruz e Romay xa que son dous xogadores que xogan na mesma zona do campo. O termo plantel abarca a todos os seus membros, corpo técnico incluído. Realmente temos ao mellor adestrador da categoría?

Ti que opinas? Podes deixar un comentario aquí ou nas nosas redes sociais

Manu Quiroga é un dos responsables detrás PontevedraCF.Net. Compaxina o seu traballo como Consultor e Desarrollador TIC coa súa paixón polo Pontevedra Club de Fútbol. Fiel a fondo Norte, gustaríalle saír menos enfadado de Pasarón cando o Pontevedra perde, pero é algo que non pode remediar.

@Manuls

Anterior

Cinco preguntas sin respuesta sobre el Celta B 1-1 Pontevedra CF

O dianteiro Pitu nova fichaxe de inverno para a dianteira granate

Seguinte

Leave a Comment