Análise das fichaxes do Pontevedra CF (Parte I)

| | Análises, Firma invitada, Uncategorized @gl

Jaime Iglesias é un fiel seguidor granate vivindo a máis de 1.500 Km de Pontevedra, en Lanzarote, é un dos tuiteiros granates con máis coñecemento da Segunda B e hoxe é a nosa firma invitada para falar das fichaxes do Pontevedra CF. O podedes seguir en Twitter no seu usuario: @jaimeiglesias_

Arrinca o mes de outubro e no horizonte restan dúas semanas para que volva rodar o balón en Segunda B. Un suspiro en comparación ao case sete meses desde que se dese por terminada a tempada pasada. O Pontevedra afronta un curso de enorme esixencia onde tratará de conseguir, polo menos, manterse no terceiro chanzo do fútbol español nunha nova categoría de corenta equipos, a coñecida como Segunda B PRO pero oficialmente denominada Primeira División RFEF.

Este ano aprenderon de erros pasados e cambiaron o discurso, polo menos de portas cara a fóra. O obxectivo é meterse en Segunda B PRO. Lonxe quedan as tempadas nas que se marcaban metas moito máis ambiciosas cun terzo do orzamento actual.

Para analizar ao novo Pontevedra hai que empezar por un que non está: Edu Sousa. Teño a forte convicción de que nesta separación perden ambos. Sen profundar demasiado no destino de Edu, penso que non será o porteiro titular en beneficio do seu competidor, que é un vello coñecido do míster dese equipo. No que corresponde ao Pontevedra Club de Fútbol, teño a amarga sensación de que desaproveitamos unha gran oportunidade para elevar o nivel da portería. Non son moi dado a deixar en mal lugar a un futbolista dos nosos e tampouco síntome cómodo nin ben comigo mesmo pero honestamente penso que non estivemos acertados en ningún dos dous xogadores elixidos. É máis, percibo que non lle deron o mesmo valor aos responsables das dúas áreas. Igual de importante é marcar goles como evitar que nolos marquen. O que nos “sobra” arriba fáltanos abaixo.

A mesma lóxica empregada para asinar a Mario Fernández foi aplicada noutros postos. É dicir, trataron de asegurar o tiro e acertar co xogador en cuestión deixándose levar pola experiencia e o currículo deste. Para un posto de moito desgaste como o lateral dereito han decidido que o recambio de Nacho López fose un xogador de trinta e tres anos que, ademais, non ten o percorrido do asturiano. Aitor Nuñez pódenos dar defensivamente pero non terá achega en campo contrario. Vén de xogar como local nun campo pequeno, moi diferente a Pasarón, e en contadas ocasións cruzaba liña divisoria ao longo do encontro. Pode que sexa o ano de Santi Figueroa, un lateral en crecemento e moito máis alegre. De feito, nos poucos encontros de pretemporada foi o canteirán o que tivo máis minutos. Unha bonita competencia que pode lembrar á de Adrián Gómez e Miguel Loureiro.

Moi diferente é a situación no outro lateral. Aí temos a un específico como é Eneko pero non lle exime de competencia debido á adaptabilidade de Álex González, Aitor Nuñez e o mesmo Jorge Fernández e mesmo Pol actuou aí. Zabaleta é un perfil moi diferente a Aitor, os seus inicios foron de extremo e cos anos atrasou a súa posición ata confirmarse como lateral. Talvez manteña lagoas defensivas, sobre todo relacionadas co aspecto táctico e os espazos pero a nivel individual non se complica. Se conseguimos ser un equipo dominador teremos unha arma importante polo costado esquerdo coa súa presenza ofensiva.

Para o eixo da defensa custou atopar ao home que acompañe a Churre. Finalmente é Xisco Campos o elixido. Non son moi amigo do estatísticas pero no seu caso hai un dato moi significativo e é que cando Xisco asinou polo Mallorca de Vicente Moreno para facelo capitán daquel superequipo, o veterano central acabaría sendo o xogador con máis minutos de todo o plantel, por encima de Manolo Reina. Aquel equipo arrasaría no seu Grupo, ascendería pola vía rápida e finalmente sería vencedor na eliminatoria por ser Campión de Segunda B. A sensación con Campos é a de asinar a un líder, a un verdadeiro profesional e a un gañador.

Para o centro do campo chegou un xogador maiúsculo: Imanol García. O mellor reforzo tras Charles. Un pelotero que gozará de Pasarón e Pasarón gozará con el. Recoñezo que me sorprendeu enormemente a súa chegada. A súa recente tempada en Córdoba non foi a mellor da súa carreira a pesar de chegar da man de Enrique Martín, que o coñece perfectamente e tamén llo levou a Tarragona con anterioridade. Imanol é un xogador sacrificado e traballador ao que vexo triunfar como medio defensivo do Pontevedra pero que Kike nunca pensou nel como ‘6’ senón como un box- to- box máis interior. Entendo que Imanol loce e xoga mellor e máis cómodo con espazos e campo para correr e o curso pasado vino afogado nun centro do campo cordobés moi poboado.

Aquí remata a primeira parte da análise de Jaime. Mañá estará dispoñíbel a segunda parte
Anterior

A Señora Lola será eterna en Pasarón

Análise das fichaxes do Pontevedra CF (Parte II)

Seguinnte

Deixa un comentario

Exit mobile version