Cando a xente pregúntase de que equipo son, sempre digo que do Pontevedra Club de Fútbol. A maioría sorpréndense e pregúntanme por que son dun club pequeno e non vou con algún dos grandes que se gastan vergoñosas cantidades de diñeiro en primeira división. O meu argumento sempre é que non é un club pequeno, que o Pontevedra é un grande, un histórico e que a nosa afección é unha das mellores de España.

Pero creo que despois do vivido nos últimos meses coa “festa de presentación” como culminación vou ter que cambiar o discurso: Somos un club pequeno.

Se asististes á “festa de presentación” seguro que estades a pensar o mesmo que eu. Deixando a un a equivocada estratexia de comunicación co mutismo informativo, o vivido o mércores pasado non houbo por onde collelo.  E é que a presentación foi un auténtico desastre, empezando por un presentador que parecía non saber o discurso, seguindo polas dúas actuacións que non tiñan sentido nunha presentación dun equipo de fútbol e finalizando por uns acompañamentos audiovisuais que fallaron por todos os lados.

Non nos entendades mal. Agradecemos o esforzo  a pesar de que a “festa” foi algo que se sacou da manga para explicar o berrinche que levou mutismo informativo (por aquilo de que a prensa sempre é o inimigo). E por iso eu hoxe  quero ter os pés na terra e dicilo claramente:  somos un club pequeno. Só sendo un club pequeno podemos explicar o non ser capaces de organizar unha presentación de tempada medianamente decente, de ter unha presidenta que non se atreve a dicir unhas palabras por medo aos pitos ou de encargar o vídeo de presentación a un menor de idade e a súa Macbook.

Queremos ir de organización que está profesionalizada e que fai as cousas ben…  pero nada máis lonxe da realidade. O máis triste é que, como di o devandito, é o que hai. O club ten os recursos que ten (poucos) e se hai que ningunear algo tan importante como unha campaña de abonados minimizándoo a un panfleto con faltas ortográficas entregado nunha presentación, pois se fai e punto.

E aínda que o pareza, isto non é unha crítica, é tan só unha visión da realidade. Unha realidade que temos que empezar a ver para darnos conta do que é agora mesmo o Pontevedra Club de Fútbol. Ogallá co paso do tempo isto cambie pero, por agora, o noso nivel organizativo é inferior a moitos clubs que están en terceira división. E temos que aceptalo.