Peseteros

Cando tres anos despois da súa marcha Rubén Reyes volveu do Rayo Vallecano, a maioría dos granates puxemos o berro no ceo. Non se entendía como un xogador que se tachou de traidor desde o Consello de Administración podía volver vestir de granate, coma se non pasase nada, coma se a súa marcha ao Rayo Vallecano non fose, como se dixo nun duro comunicado por parte do Consello de Administración, simplemente por diñeiro.

Pesetero chamóuselle. Traidor gritóuselle. Pero o certo é que o único que fixo Rubén Reyes foi mirar polo seu futuro e o da súa familia. E niso estamos este ano outra vez. As marchas de Alegre ou Loureiro shan feito que ese sentimento de rabia xa esquecido volvese a brotar na maioría dos granates. E é esa cor granate o que quizais nos nubla a vista en moitas ocasións. Porque o fútbol é sentimento e paixón, paixón por unhas cores que representan uns valores que queremos defender alá onde vaiamos, pero tamén é o futuro de moita xente, tanto de futbolistas como de técnicos. E ese futuro pode ser só querer estar máis preto da nosa familia ou a posibilidade de que se abra a porta cara ao fútbol realmente profesional.

A intensidade coa que vivimos o fútbol é marabillosa. É algo que nos fai sentir vivos e pola que vale a pena ir cada quince días ao estadio. Pero tamén é algo que nos fai perder moita perspectiva. Por iso, antes de enfadarnos pola marcha dun xogador, deberiamos pensar antes dúas veces que pode haber detrás desa persoa. Facéndoo entenderemos que aínda que o escudo importa, non todo vale neste tolo mundo que é o fútbol.

Comentarios