Era onte cando esta humilde columna de opinión rexurdía das súas cinzas para comentarlle ao que hai 24 horas era o noso adestrador que esas non eran boas palabras, que todo vai e vén e que os que quedamos, ao final, somos os que imos cada domingo a Pasarón a pasar frío e apoiar unhas cores que nos identifican. Cal foi a sorpresa cando hoxe confirmouse a través de diversos medios que o Consello de Administración cesou a Luisito, polo que xa non é adestrador do Pontevedra Club de Fútbol SAD.

Da non-comunicación do club falaremos outro día xa que merece comentalo por extenso. O que queremos hoxe é romper unha lanza en favor de Luisito. Si, os que onte lle criticamos hoxe rompemos unha lanza por el. Que lle imos a facer. O fútbol é así. Onte eras satanás e hoxe es máis simpático que as pesetas. Bo, igual non tanto, pero mellor que nos expliquemos.

Dabondo sabemos que Luisito non é un adestrador fácil. Non o era cando conseguiu a ansiada volta a Segunda B (como doe escribir isto, co que fomos…) e non o é agora que é cesado despois da verborrea emocional que soltou defendendo á presidenta. E iso, señoras e señores repetimos, xa o sabiamos. E aínda que lle podamos botar en cara as formas que tivo, son xusto esas formas as que levaron a un equipo moi xusto a quedar en play off a tempada pasada. Son esas formas as que nos fixeron cantar “É que eu sen tí José Luis non sabería como seguir” e son esas formas as que nos fixeron pasar tan bos e malos momentos en Pasarón.

Realmente alguén pensaba que Luisito íase ir sen causar un estrondo? Non sería propio del. Os malos resultados e o mal xogo do equipo xa converteran a súa situación en insustentable, así que se o pensamos ben… quen non nos di que montou a que montou para poder botarse ás costas todas as culpas e deixar ao equipo limpo? Porque Luisito parvo, o que se di parvo, non é.

Así que hoxe, cando o teu cesamento foi confirmado, só querémosche dar as grazas Luís. Grazas por estes anos e por ser sempre tan extremo. Extremo cando sacabas ata a última pinga de suor dos xogadores e extremo cando defendes contra vento e marea o que crías, correcta ou incorrectamente, merecía ser defendido

Que che vaia ben alá onde vaias. Nós, como dixemos onte, seguiremos aquí apoiando ao que é noso: o granate. Porque si que sabemos como seguir sen ti e, como dicía Julio Iglesias, a vida segue igual.