E agora que?

Acabouse. Aínda que as botas de Eneko Eizmendi quixeron quixeron facernos soñar desde territorios murcianos no minuto 51, a crúa realidade do que é o fútbol hoxe en día fixo que a xesta non puidese realizarse. Si, Pontevedra nunca se rende e demostrouno durante toda esta tempada, levando sempre a cabeza ben alta ante grandes equipos e facéndonos gozar cun xogo a base de intensidade e corazón.

O soño estaba aí pero aínda que a afección cegásenos, a voz da cordura dicíanos, nalgúns de maneira máis baixa que noutros, que en algo tan difícil como un play off, ía facer falta moito máis que querer facelo ben. E aí veu o Murcia para botarnos un xerro de auga fría e demostrar unha vez máis por que moitos estamos en contra do fútbol moderno.

Pero a derrota xa foi e non doeu tanto. Non o fixo porque nos fomos coa cabeza ben alta e demostrando que o nome de Pontevedra Club de Fútbol e o granate aínda significan algo nos campos de fútbol. E iso ten que seguir, por iso na estrea desta humilde columna de gran corazón granate querémonos preguntar e agora que?

Agora… non sabemos que ocorrerá. Exactamente igual que no últimos dez anos. Entendemos que, debido á actual situación do club, atrás queda a estratexia daquelas renovacións completas que facían Mirón e compañía a base de vacas gordas que nunca existiron, pero non entendemos por que a directiva actual ten a obsesión de só asinar a xogadores ano a ano e negociar só a final de tempada. É unha estratexia que se pode entender vendo algúns rendementos dos últimos anos (non queremos sinalar a ningún xogador con grandes peiteados e apelidos que dicían que eran moi fermosos) pero asáltannos as dúbidas no tema de esperar ata final de tempada, sobre todo con certos xogadores.

Na actual plantilla tan só ten contrato en vigor Kevin Presa e iso, mírese por onde se mire, é un erro. Non pode ser que xogadores que tiveron un gran rendemento este ano acaben contrato sen máis. Certo é que esta semana se comezaron as negociacións con moitos deles, pero tamén o é que algún se irá sen deixar un euro nas arcas do club. Claro exemplo é o de Miguel Loureiro, que despois de ser titular toda a tempada saíronlle moitas noivas que lle ofrecían moito máis que o mísero contrato de xuvenil co que leva xogando toda a tempada. Non podía ser o Pontevedra unha desas noivas? Tanto custaba valorar o seu rendemento no mes de marzo?

Esperemos que grazas ao gran grupo que se fixo este ano, moitos digan que si nesta semana de negociacións. E esperamos tamén que a directiva ofreza renovacións acorde ao rendemento que se tivo esta tempada. Por agora, non se nos deron demasiados motivos para dubidar, pero como somos moi pouco confiados, esperaremos a ver que ocorre con cada xogador deste persoal que nos fixo devolver a ilusión. E aquí estaremos nós para comentalo, en PontevedraCF.NET.

Comentarios