PontevedraCF.NET

Granates, e punto

Menu Close

De pelotas grandes

Xa choveu desde a última vez que escribimos nesta columna. E aínda que non o fixo tanto como quixésemos, meteorolóxicamente falando, no futbolístico atopámonos cun tempo demasiado variable que nos levou a unha situación tremendamente inestable.

Ao final da tempada pasada preguntabámonos nestas mesmas liñas que ía ocorrer co equipo que demostrara tanto. Defendiamos que non se desmontase un persoal que tiña unha incrible comuñón coa bancada e que sabía como había que comportarse vestindo unha elástica como a granate. Lamentablemente, por unhas cousas ou outras, o noso desexo non se cumpriu e do equipo do ano pasado quedan só as migallas. Unhas migallas que, salvo baixo paus, sufriron unha transformación tan negativa que os fai irrecoñecibles.

Pero vaiamos ao importante, á cuestión das pelotas. Se son grandes ou non. A nós non nos gusta falar destas cousas, pero foi o noso adestrador o que sacou o tema de que se os que critican á directiva, que non ao equipo, teñen un tamaño ou non considerable diso, de pelotas. Sexismos aparte ,aquí só temos que dicir que dá igual o tamaño, o que importa é que as pelotas dos que estamos na bancada son granates e iso, señor Míguez, é o que importa.

Non imos quitarlle razón: hai que ter valentía para investir o que investiu nosa señora presidenta, pero tamén hai que darse conta que un equipo non é só unha presidenta e o seu diñeiro persoal, senón que é unha masa social que leva moito máis tempo que a investidora apoiando ao equipo e pasando penas e alegrías e gastando. Porque si señor adestrador, os que gritamos cada domingo en Pasarón poida que non teñamos 800.000 euros para facer un investimento de risco nunha sociedade anñonima, pero si que gastamos cousas. Gastamos días de vacacións, tempo coa familia, a nosa saúde por estar ao frío e á choiva e tempo e diñeiro á hora de desprazarnos para apoiar ao equipo. E iso foi durante moitos anos. Moitos máis anos dos que leva a presidenta no cargo.

Así que deixémonos de pelotas e vaiamos máis aló: defender á presidenta non nos parece mal, xa que puiden ser ata adecuado vendo a situación; pero o que non podemos defender é que se utilice unha crítica tan irracional como cortina de fume do importante: o equipo non xoga a nada. Non xoga nada porque se fixo unha moi mala planificación deportiva, tirando a moeda ao aire en fichaxes de xogadores que se sabía que ían ser baratos porque tiveron un mal ano. Críase que ese ano malo era pasaxeiro e que as fichaxes ían saír redondos e non foi así. Así que igual no canto de criticar aos que están aí dia tras día (e que cando todo vai ben se pide o seu apoio), quizais é mellor facer máis autocrítica, falar claro e buscar as solucións.

Porque as pelotas son as que teñen que rodar no campo e, lamentablemente, hai tempo que en Pasarón só vemos patadones sen sentido.

//

© 2018 PontevedraCF.NET. All rights reserved.

Theme by Anders Norén.