Presunto

Escribir esta terceira edición da columna de PontevedraCF.NET levounos máis tempo do normal. A páxina en branco foi nosa inimiga nesta ocasión, pero criamos que despois de todo o balbordo ocasionado polo tema que nos concierne, era necesario facer unha pequena reflexión sobre el, xa que como é costume, o noso querido club escolleu a opción, totalmente válida, do silencio institucional.

O tema do que falamos é, como a imaxe de cabeceira vos chivou, David Goldar, a súa fichaxe e a investigación nun caso de supostos abusos sexuais co controvertido Santi Mina polo medio. Suposto, esa é a palabra que máis se repetiu ao falar deste tema, xa que a única versión que coñecemos é a turbia historia que a suposta vítima, e denunciante, contou ás autoridades. E dicimos turbia porque, estaredes de acordo connosco, a historia contada é tan escura que é difícil de crer. Difícil pero non imposible, xa que o ser humano demostrounos que é capaz de realizar cousas moi estrañas e esta podería, repetimos, podería, ser unha delas.

Non nos imos a meter na veracidade da historia xa que existe actualmente unha investigación xudicial e, ata que un xuíz diga outra cousa, todo o mundo ten razón e todo o mundo é inocente. O que se queriamos destacar é a imaxe que esta investigación deu e está a dar ao noso club. Nun programa de 2015, a actual alcaldesa de Madrid Manuela Carmena dicía que “alguén ao que se lle achaca algo que poida resultar un delito debe deixar o seu cargo político porque se non está a incumprir a relación de verdade e xustificación que lle corresponde cos cidadáns”; esta declaración realizouse despois dunha pregunta sobre políticos imputados e a explicación de Carmena dicindo que alguén imputado (investigado é a nomenclatura actual) non ten a obrigación de dicir a verdade ante un tribunal.

As declaracións de Carmena, coas que estamos completamente de acordo, aplicábanse a políticos, a persoas escollidas mediante votación polos cidadáns que se achegan ás urnas, pero nós non paramos de pensar se isto pódese aplicar tamén no caso dun club de fútbol. Por suposto, os afeccionados non escollemos aos xogadores, pero o sentimento que existe polas cores e o que representan crean unha unión tan ou máis forte que o que se consegue coa introdución dunha papeleta nunha urna.

Por esta razón, deberiamos abrir o debate e discutir se queremos a alguén de granate que está involucrado nunha denuncia deste calado, por moito presunto que sexa.

 

 

Peseteros

Cando tres anos despois da súa marcha Rubén Reyes volveu do Rayo Vallecano, a maioría dos granates puxemos o berro no ceo. Non se entendía como un xogador que se tachou de traidor desde o Consello de Administración podía volver vestir de granate, coma se non pasase nada, coma se a súa marcha ao Rayo Vallecano non fose, como se dixo nun duro comunicado por parte do Consello de Administración, simplemente por diñeiro.

Pesetero chamóuselle. Traidor gritóuselle. Pero o certo é que o único que fixo Rubén Reyes foi mirar polo seu futuro e o da súa familia. E niso estamos este ano outra vez. As marchas de Alegre ou Loureiro shan feito que ese sentimento de rabia xa esquecido volvese a brotar na maioría dos granates. E é esa cor granate o que quizais nos nubla a vista en moitas ocasións. Porque o fútbol é sentimento e paixón, paixón por unhas cores que representan uns valores que queremos defender alá onde vaiamos, pero tamén é o futuro de moita xente, tanto de futbolistas como de técnicos. E ese futuro pode ser só querer estar máis preto da nosa familia ou a posibilidade de que se abra a porta cara ao fútbol realmente profesional.

A intensidade coa que vivimos o fútbol é marabillosa. É algo que nos fai sentir vivos e pola que vale a pena ir cada quince días ao estadio. Pero tamén é algo que nos fai perder moita perspectiva. Por iso, antes de enfadarnos pola marcha dun xogador, deberiamos pensar antes dúas veces que pode haber detrás desa persoa. Facéndoo entenderemos que aínda que o escudo importa, non todo vale neste tolo mundo que é o fútbol.

E agora que?

Acabouse. Aínda que as botas de Eneko Eizmendi quixeron quixeron facernos soñar desde territorios murcianos no minuto 51, a crúa realidade do que é o fútbol hoxe en día fixo que a xesta non puidese realizarse. Si, Pontevedra nunca se rende e demostrouno durante toda esta tempada, levando sempre a cabeza ben alta ante grandes equipos e facéndonos gozar cun xogo a base de intensidade e corazón.

O soño estaba aí pero aínda que a afección cegásenos, a voz da cordura dicíanos, nalgúns de maneira máis baixa que noutros, que en algo tan difícil como un play off, ía facer falta moito máis que querer facelo ben. E aí veu o Murcia para botarnos un xerro de auga fría e demostrar unha vez máis por que moitos estamos en contra do fútbol moderno.

Pero a derrota xa foi e non doeu tanto. Non o fixo porque nos fomos coa cabeza ben alta e demostrando que o nome de Pontevedra Club de Fútbol e o granate aínda significan algo nos campos de fútbol. E iso ten que seguir, por iso na estrea desta humilde columna de gran corazón granate querémonos preguntar e agora que?

Agora… non sabemos que ocorrerá. Exactamente igual que no últimos dez anos. Entendemos que, debido á actual situación do club, atrás queda a estratexia daquelas renovacións completas que facían Mirón e compañía a base de vacas gordas que nunca existiron, pero non entendemos por que a directiva actual ten a obsesión de só asinar a xogadores ano a ano e negociar só a final de tempada. É unha estratexia que se pode entender vendo algúns rendementos dos últimos anos (non queremos sinalar a ningún xogador con grandes peiteados e apelidos que dicían que eran moi fermosos) pero asáltannos as dúbidas no tema de esperar ata final de tempada, sobre todo con certos xogadores.

Na actual plantilla tan só ten contrato en vigor Kevin Presa e iso, mírese por onde se mire, é un erro. Non pode ser que xogadores que tiveron un gran rendemento este ano acaben contrato sen máis. Certo é que esta semana se comezaron as negociacións con moitos deles, pero tamén o é que algún se irá sen deixar un euro nas arcas do club. Claro exemplo é o de Miguel Loureiro, que despois de ser titular toda a tempada saíronlle moitas noivas que lle ofrecían moito máis que o mísero contrato de xuvenil co que leva xogando toda a tempada. Non podía ser o Pontevedra unha desas noivas? Tanto custaba valorar o seu rendemento no mes de marzo?

Esperemos que grazas ao gran grupo que se fixo este ano, moitos digan que si nesta semana de negociacións. E esperamos tamén que a directiva ofreza renovacións acorde ao rendemento que se tivo esta tempada. Por agora, non se nos deron demasiados motivos para dubidar, pero como somos moi pouco confiados, esperaremos a ver que ocorre con cada xogador deste persoal que nos fixo devolver a ilusión. E aquí estaremos nós para comentalo, en PontevedraCF.NET.