PontevedraCF.NET

Granates, e punto

Menu Close

A Zona Pantasma

Cando en Krypton, o planeta orixinario de Superman, tiñan que castigar a un criminal enviábano á Zona Pantasma, un lugar onde o tempo non pasaba e os seus habitantes, a pesar de que sabían que o resto estaba alí, non podían sentir nada en absoluto. O noso querido club, o Pontevedra Club de Fútbol, leva máis dun mes sendo algo parecido a este lugar imaxinario do universo de DC Cómics onde os viláns saían e querían vencer a un Superman que sempre gañaba.

Se alguén se pregunta por que facemos este símil é que non viviu en Pontevedra e arredores nas últimas semanas. E se en realidade non o fixo e estivo desconectado totalmente, está de parabén xa que a sociedade anónima deportiva non comunicou nada para a nova tempada. 

E dicimos Sociedade Anónima Deportiva porque nos negamos a chamarlle club, xa que iso implicaría mentir posto que un club é unha entidade que escoita e fai partícipes, directa ou indirectamente, aos seus socios e simpatizantes das súas actividades. E iso é o que non fixeron desde a Sociedade Anónima Deportiva. O mutis polo foro impúxose na entidade e só anunciáronse as renovacións, empezando pola dun adestrador que ata o día antes non sabía nada dela a xogadores que se trataron de maneira desigual á hora da negociación para seguir vestindo de granate.

A comunicación da entidade leva anos sendo pésima, pero o destas semanas chegou a un novo nivel. Deixando ao carón as renovacións, que a xente se decate das baixas porque un xogador pono nas súas redes sociais ou porque se anuncia a súa fichaxe por outro club clama ao ceo. Seica unha institución con tanto nome como o Pontevedra Club de Fútbol non é capaz de ser o suficientemente cortés para agradecerlles vestir de granate? Non cremos que os xogadores que se van portáronse tan mal para darlles unha portada tan vergoñosa na cara. Pero claro, todos menos os dous de arriba son o inimigo.

E que dicir da planificación da tempada. O ano pasado pecamos de esperar ata os últimos días para atopar gangas, e así acabamos con xogadores vindos a menos que case nos levan a terceira división.  Este ano non sabemos se é que se está esperando a que acabe o Mundial, pero mentres outros equipos xa teñen o persoal case pechado, nós só temos anunciados 11 xogadores (máis xuvenís), os cales chegan nin a cubrir todas as posicións no campo.

Estamos seguros que algo hai feito xa que os rumores están aí, pero anunciar todas as fichaxes xuntas é un fallo de márketing colosal. Seica non saben os dous de arriba que co anuncio de fichaxes a xente vaise ilusionando e ten ganas de sacar o abono? Ah! O abono. Ese cartoncito que aínda non sabemos nin canto nos vai a valer nin cando o imos a poder sacar.

No mundo de Superman a Zona Pantasma fallou porque estaba superpoblada e moito temémonos que coas novas fichaxes, a pretemporada, a campaña de socios e os novos equipamentos van seguir a mesma sorte. Pero oe, logo será a afección a culpable de non encher o campo e de non animar. Claro que si.

//

© 2018 PontevedraCF.NET. All rights reserved.

Theme by Anders Norén.